Tres empresas (*) de Ourense dos sectores da consultaría de Comunicación, a consultaría de Xénero e o deseño gráfico poñen en marcha unha Campaña de Prevención e Sensibilización de agresións sexistas e acoso ás mulleres no Entroido, unha das festas máis importantes e grandes de Ourense e con forte arraigo no resto de Galicia.
A iniciativa, sen ánimo de lucro e financiada polos seus promotores, xurde ante a máis que indignante escalada de actos sexistas producidos en grandes eventos que, amparada en entornas festivas e con situacións de excesos, leva tempo converténdose nunha importante reivindicación social. O obxectivo é que a campaña se converta nunha iniciativa cidadán á que se sumen o maior número posible de persoas e institucións para acabar así o illamento, repulsa e condena dos agresores sexuais.
No informe presentado pola “Fundación Salud y Comunidad” no marco da Xornada “Violencias sexuais, festas maiores e medios de comunicación”, do Observatorio Cualitativo sobre a relación entre o consumo de drogas e os abusos sexuais en contextos de ocio nocturno, sinálase que a violencia sexual é un dos principais riscos que teñen as mulleres cando saen de festa e que, polas características destes contextos, estes riscos non son suficientemente percibidos e combatidos.
O alcohol é a sustancia máis presente nas situacións de agresións sexuais a mulleres e ademais incentiva xeralmente o sexismo.
Con esta Campaña preténdese denunciar a existencia destas agresións sexistas e des-normalizar ditas violencias nun contexto festeiro como o Entroido, apoiando a súa identificación, a súa visibilización e, loxicamente, o seu combate.
Espéranse miles de persoas no Entroido galego, moi especialmente na provincia de Ourense (Xinzo, Verín, Laza, Ourense…) pero tamén no resto de Galicia. Agárdanse, como cada ano, importantes aglomeracións con notoria presencia de alcohol e outras drogas que, como xa se sinalou, propician ataques ás mulleres e sistematizan a falsa idea de que no Entroido “todo vale” e “todo está permitido”.
O meu NON é o teu NON. Entroideiro ou Besta?
Este é o lema da Campaña. Directo e claro. Dirixido aos abusadores, busca igualmente a complicidade dos demais homes. Que eles mesmos entendan a mensaxe do que significa que una muller responda NON. Que eles mesmos elixan entre ser un Entroideiro, persoa que goza dunha festa marabillosa e libre, ou comportarse como unha Besta.
A Besta é o acosador. O Entroideiro é unha persoa á que lle gustan as entroidadas e o Entroido.
Esta é a dicotomía. Cada quen elixe, pero sabendo que nos terá a todos os demais en fronte, denunciando, condenando, repudiando.
Pedimos pois un Entroido que respecte ás mulleres, a súa integridade e á súa seguridade nun ambiente, obviamente, de gran Festa e Diversión.
A campaña espera ser compartida nas redes sociais con hastag #EntroideiroouBesta
Campaña contra as agresións sexistas e o acoso ás mulleres: “entroidei-ro ou besta? O meu non é o teu non”
- Advertisement -
- Publicidad -